Centrais hidroeléctricas
Consultora especializada en minicentrais hidráulicas
Realizamos proxectos técnicos (concesionais, anteproxectos, proxectos de construción) relacionados cos aproveitamentos hidroeléctricos. Desenvolvemos as distintas ramas da enxeñaría que definen a explotación: estudos hidrolóxicos e hidráulicos, obra civil e estruturas, equipos electromecánicos, accesos e liñas eléctricas, aplicadas tanto a rehabilitación, acondicionamento ou mellora de explotacións existentes como a obra nova.
Aproveitamentos hidroeléctricos
Realizamos proxectos técnicos e ofrecemos servizos relacionados co aproveitamento hidroeléctrico:
As melloras poden estar motivadas por necesidades da propia explotación (reparación de obra de formigón ou cachotería, renovación de estruturas metálicas, deseño de desareadores, automatización de comportas e limpaferranchos, incorporación de novos elementos de regulación, etc.) ou por requirimentos da Administración (Organismo de conca, Industria, Medio Ambiente, Concello,…) para a súa adaptación á normativa vixente estatal ou autonómica (Plan Hidrolóxico, Control de caudais, Caudais ecolóxicos, Escalas de peixes, etc.).
Escalas de peixes
É unha das nosas especialidades.
Realizamos o deseño e proxecto de construción de novas escalas de remonte de peixes, naquelas presas que carecen deste dispositivo.
Tamén proxectamos adecuacións e melloras de escalas de peixes existentes que presentan perdas de conectividade co encoro ou cauce, ou que resultaron integramente infranqueables. Nestes casos, sempre que sexa factible, intentamos aproveitar a obra actual, reformándoa para a súa adaptación aos parámetros de deseño esixidos.
Para verificar o funcionamento hidrodinámico da escala utilizamos en ocasións o modelo 3D Open Foam, software libre especializado de simulación tridimensional, baseado en métodos numéricos CFD (Dinámica de Fluidos Computacional), mostrando a simulación en vídeo, se así se require.
En relación con este campo acometemos outros estudos:
Estudos de eficiencia de escalas e dispositivos.
Implantación de barreiras físicas, sónicas, eléctricas e luminosas, para impedir a entrada de peixes aos canais.
Pantallas protectoras e deflectoras de flotantes.
Sistemas de guiado de peixes e BY-PASS de baixada.
Escalas do tipo Denil

Alternativa Escala artificial

Bloques de perturbación

Rampa de anguías
En función das poboacións piscícolas existentes, complétase a escala de peixes cunha rampa de anguías (adosada á escala se a implantación o permite). No caso de obra nova deseñase conxuntamente de fábrica de formigón, formando un corpo coa escala. En caso contrario adoita optarse por estrutura metálica ancorada á fábrica. En calquera das disposicións implántase un leito reptante de tipo cepillo ou de tipo tacos/botóns.

En relación con este campo acometemos outros estudos:
Estudos de eficiencia de escalas e dispositivos.
Implantación de barreiras físicas, sónicas, eléctricas e luminosas, para impedir a entrada de peixes aos canais.
Pantallas protectoras e deflectoras de flotantes.
Sistemas de guiado de peixes e BY-PASS de baixada.
Control de caudais
Sistema de control efectivo de caudais e volumes utilizados (Orde ARM/1312/2009)
As Administracións Hidráulicas están esixindo aos titulares a implantación progresiva dun control sobre os caudais de auga utilizados. Realizamos propostas técnicas para a instalación destes sistemas, propoñendo, en función do tipo de aproveitamento e das súas particularidades, o sistema que mellor se adapte técnica e economicamente.



Sistemas de Control de caudais:
Os sistemas empregados habitualmente van desde métodos indirectos (admisibles no caso de centrais hidroeléctricas, calculando o caudal a partir dunha asociación de niveis e potencia instantánea), ata métodos directos máis complexos, mediante medición en canal usando aforadores ou sistemas baseados en ultrasóns por tempo de tránsito, radar, doppler…, ou en conducións mediante sensores ultrasónicos, electromagnéticos, contadores, etc.
En xeral, a elección do sistema adoita ser clara unha vez coñecidas as características xeométricas dos canais e conducións. Porén, a implantación física do mesmo no enclave presenta as dificultades propias de calquera actuación construtiva, na que interveñen: escavacións en gabia, conducións eléctricas, soportes metálicos, obra civil, etc., que deben ser definidos con detalle e presentados ante o Organismo de Conca en forma de Proposta Técnica para a súa aprobación e posterior instalación e posta en funcionamento.
Debido a que os equipos a instalar deben ser compatibles cos instalados nos SAIH dos distintos Centros de Conca, co obxectivo de permitir a teleconsulta, mantemos contacto técnico cos seus responsables, así como cos provedores dos equipos compatibles, aos que solicitamos varias ofertas económicas para facilitar ao cliente a toma de decisións.

Control de caudais ecolóxicos:
Por regra xeral, as concesións administrativas estipulan nos seus condicionantes un valor fixo de caudal ecolóxico que debe ser respectado, libre de aproveitamento. Nos novos Plans Hidrolóxicos estase tendendo a unha revisión deste valor acorde coa Directiva Marco da Auga.
Cualitativamente, o caudal ecolóxico é un concepto coñecido, pero a súa definición cuantitativa é motivo de controversia entre distintos autores e tendencias, polo que a súa determinación non está universalmente establecida. Así, atopámonos con disposicións que non dan lugar a dúbidas (baixo un enfoque puramente hidrolóxico), fronte a outras cuxa complexidade require da participación de equipos multidisciplinares para a súa determinación, principalmente por un enfoque biotópico (ecolóxico e biolóxico).
Neste apartado pretendemos poñer de manifesto que, sexa cal for a metodoloxía empregada na súa determinación, unha vez establecida —habitualmente polo organismo de conca—, requírese de intervencións máis ou menos complexas para garantir o seu mantemento, que van desde dispositivos fixos autorregulados ata outros nos que intervén a automatización.
A nosa achega neste campo abrangue tanto a estimación dese caudal (mediante diferentes metodoloxías), como a redacción de proxectos de obra e equipos necesarios para o seu control.
Melloras na explotación
Automatización de limpaferranchos:
Realizamos proxectos de limpaferranchos automáticos, incluíndo a obra civil e a estrutura metálica de soporte necesaria, así como o/s propio/s limpaferranchos xunto coa súa automatización mediante accionamento oleohidráulico ou eléctrico.
Elíxese o tipo de limpaferranchos que mellor se adapte ás dimensións e características da reixa e do enclave. A nosa especialidade son os limpaferranchos de brazo articulado e de brazo fixo, aínda que en función do caso pode ser necesario optar por outras tipoloxías (cadea, cremalleira).
Os nosos deseños inclúen a reixa, o limpaferranchos e o carro varredor para retirar automaticamente os residuos acumulados fóra da reixa.
Contamos con talleres colaboradores (estruturas metálicas, instaladores oleohidráulicos e eléctricos, e programadores de autómatas) para poder ofertar e executar posteriormente a instalación completa dos equipos.



Comportas:
As comportas e outros mecanismos reguladores de caudal e nivel adoitan ser elementos auxiliares da explotación, formando parte de órganos máis amplos (desaugadoiros, aliviadoiros, etc.), pero tamén teñen entidade propia cando deben adaptarse ás singularidades da obra. Por iso deseñamos comportas metálicas de diversas tipoloxías e tamaños (tixolas, murais, taintor, vagón, basculantes, sector, etc.), que tamén ofertamos a través dos nosos talleres colaboradores. Ao igual que cos limpaferranchos, se é o caso, complétase o deseño coa automatización programada das mesmas.

Canais:
As melloras en canais (lámina libre) abarcan desde o redeseño da estrutura en formigón armado por ampliación da concesión ou ruína da existente, ata reforzos e revestimentos para mellorar o coeficiente de rozamento. Contamos con diversas ferramentas informáticas de simulación hidráulica (modelo 1D–quasi 2D HEC-RAS, modelo 3D OpenFOAM), ademais de programas de cálculo de estruturas.

Desareadores:
Moitas explotacións carecen destes elementos, ou o seu deseño é ineficaz, obrigando a retirar periodicamente os sedimentos depositados de forma manual ou mecánica. Un deseño correcto evita a entrada de áridos ás turbinas e conducións, e, en consecuencia, a abrasión que producen sobre os elementos metálicos. Deseñamos desareadores de obra en canais e tomas, con mecanismos hidráulicos de desarenado sen intervención de man de obra, sempre que as características do emprazamento o permitan.
Disipadores de enerxía:
Trátase de elementos cuxo deseño, en moitos casos, se descoida ou simplemente non foi tido en conta no proxecto inicial, constatándose posteriormente durante a explotación a súa necesidade nalgún punto da mesma.
Deseñamos diferentes tipoloxías en función de cada emprazamento: salto simple vertical, cunca disipadora con ou sen bloques amortecedores, caída inclinada, tipos III, IV, VI, IX do USBR, etc., apoiándonos no uso da ferramenta de cálculo HY-8 do FHWA.

Algunhas referencias de proxectos realizados por nós
Ferramentas SOFTWARE: Programación de autómatas
Nos traballos de consultoría inclúese a automatización industrial, no deseño de determinadas operacións de automatización en dispositivos hidráulicos como limpaferranchos, manobra de comportas, etc., todas asociadas ao uso de diversos tipos de sensores. Os algoritmos de programación realízanse empregando a linguaxe SIMATIC-STEP 7 de Siemens, que inclúe linguaxe gráfica de contactos (KOP) e linguaxe textual tipo “lista de instrucións”.
Este coñecemento é importante á hora de supervisar e comprobar aspectos relacionados coa instalación de equipamento industrial e os seus elementos electromecánicos de manobra e control.

